16 may 2012

Muxía rinde tributo ao seu gran poeta, López Abente

Muxía comeza mañá unha serie de actos encamiñados a rendir homenaxe ao seu poeta, Gonzalo López Abente. As doce da mañá haberá unha ofrenda floral diante do monumento ao escritor, acompañada das intervencións de Félix Porto, presidente da fundación e Alcalde de Muxía e e Xesús Sambade, patrón da fundación; logo ,o vicepresidente, o poeta X. H. Rivadulla Corcón lerá un texto de Abente sobre a lingua galega.
A continuación os participantes desprazaranse ata a casa na que viviu López Abente, para inaugurar unha lousa conmemorativa, coa intervención de Xan Fernández e lectura de poema a cargo de Viki Rivadulla; finalmente os actos continuarán no Cabo da Grixa, lugar de nacemento do poeta muxián ; alí descobrerase unha placa co texto no que o propio Abente fai mención ao seu nacemento neste lugar da vila . Intervirá no peche dos actos Manuel Vilar, patrón da fundación, e fará a lectura do poema dedicado ao cruceiro do Cabo da Grixa a poeta Rosalía Fernández Rial . Organiza o acto a Fundación Gonzalo López Abente.
Ás oito da tarde actuará a  Coral Virxe Da Barca, no Salón de Actos.
Xa o venres, ás 18:45 horas, na Biblioteca Municipal, será presentado o libro “ Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte” de Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial.
O sábado, día 26, terá lugar unha Ruta a pé pola vila de Muxía, para alumnos de secundaria. Ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal, presentación do libro “A narrativa mariña de Gonzalo López Abente”. Edición de Xesús Sambade. Participarán - ademáis de Xesús Sambade- Félix Porto , presidente da fundación, Manuel Bragado, editor, e Ramón Nicolás, director da Colecc. Biblioteca das Letras Galegas, de Edicións Xerais.










No hay comentarios: