17 may 2012

López Abente xa ten o seu roteiro na súa Muxía natal

O Concello de Muxía, xunto coa Fundación, puxeron a andar hoxe os actos de homenaxe ao seu gran poeta, Gonzalo López Abente, vinculado tamén a Nemiña, preto de Cabo Touriñán. Alcalde, concelleiros, patronos da Fundación e veciños de Muxía comezamos cunha ofrenda floral ante o monumento ao autor á entrada da vila. Aquí o rexedor, Félix Porto reivindicou a figura do escritor, asegurando que non ten aínda o recoñecemento que debería ter. Abogou por colaborar entreitamente coa Fundación para aproveitar tamén a demanda de turismo cultural existente. Xesús Sambade, patrono da Fundación López Abente, falou da recuperación da língua galega, da figura de Valentín Paz Andrade e, como non, de López Abente, de quen dixo que xa vía nos seus versos a potencialidade turística da Costa da Morte. Rivadulla Corcón encargouse de recitar un poema do autor muxián, quen ingresou na Real Academia no ano 1941, e fíxoo cun discurso en galego (pouco habitual na época) sobre Eduardo Pondal.
De seguido, percorremos o roteiro, facendo unha parada diante da casa onde vivíu López Abente. Aquí foi descuberta unha lousa, na que reza: "Nesta casa vivíu o poeta muxián López Abente (1878-1963)". O escritor Xan Fernández Carrera seguíu falando de López Abente, comentando que, coincidindo coa súa infancia comezou o comercio do encaixe con América. As familias burguesas do pobo -Abente, Balboa, Toba e Mosquera- descubriron a importancia económica das puntillas, exportando a Arxentina, Cuba, México e Puerto Rico. Naquel entonces facturaban xa un millón de pesetas anuais, dos que a metade ían directamente para a cidade de La Habana. Gracias a elo, estas familias deron formación universitaria a todos os seus fillos varóns -as mulleres non estudaban daquela-.
Na xuventude de López Abente chegan as primeiras luces públicas ao pobo, que son de petréleo. Outro ano clave foi o 1916, no que se constrúe a estrada Berdoais-Muxía, comunicando a vila co resto do mundo. A urbanización do pobo comezou polo Cabo da Vila, onde se asentan as familias burguesas, e a rúa Real. A partires dos anos 20, esta burguesía local xúntase arredor do Casino. Era unha Muxía con grandes valores éticos e culturais, esa Muxía que hoxe tamén nós queremos.
Co Golpe de Estado, moitas destas familias marcharon ao exterior, e os que non o fixeron quedaron calados. Comezou entonces unha recesión, e nos anos 40 inaugúrase a lonxa de venda de peixe. Xa nos anos 60 chega o potencial económico para o sector pesqueiro que supuxo o caladeiro do Canto.
E volvendo ao Roteiro Abentiano, Viki Rivadulla deu lectura ao poema Muxía do autor local.
Continuamos a marcha cara o Cruceiro da Grixa, zona na que veu a luz López Abente. O antropólogo muxían -de Santa Mariña, por certo- Manuel Vilar, quen defendeu que, ademais de mirar cara diante, hai que ter os pés na terra, unha terra que nos chega dos vellos, dixo, entre eles, López Abente. Nun dos seus poemas, o escritor di que o primeiro que viu ao abrir os ollos foi precisamente este cruceiro. Vilar falou tamén das importantes cruces de pedra que hai no concello muxián, entre elas a do campo de Coucieiro, a nosa parroquia. Lembrou a orixe de Muxía e a importancia que tivo para toda a zona o mosteiro de Moraime. Citou tamén ao portugués Hugo Rocha, quen escribiu sobre Abente e definíu a Muxía como a noiva do vento. A escritora local Rosalía Fernández deu lectura a un poema de López Abente sobre o propio cruceiro, onde foi descuberta unha placa.
Un dia fermoso e importante para Muxía, que debe ter continuidade na posta en valor do seu gran patrimonio, material e inmaterial.
Mañá, venres, ás 18.45 h., será presentado na biblioteca municipal o libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández e Rosalía Fernández, pai e filla. Parabéns para os autores.











No hay comentarios: