30 mar 2012

Xantar de vagar, de Slow Food Galicia, mañá en Lira

   A familia Slow Food Galicia, en colaboración con outras entidades, acordamos promover unha xornada na que, nun ambiente distendido e lúdico, se puidese reforzar o coñecemento mutuo e/ou coñecer novas persoas a vez que servía para apoiar os esforzos de colectivos do concello que están a traballar no seu desenvolvemento sustentable. Será mañá, ao mediodía, en Lira (Carnota).
   Con este enfoque e tendo en conta que sempre é complicado iniciar un camiño, organizamos a xornada de 2012 co seguinte menú:

- Empanada de millo con ourizos da Reserva Mariña de “Os MIñarzos”.
- Espárragos verdes da Cooperativa Agrícola Ecolóxica “Rainha Lupa” con cebola caramelizada e queixo puro de ovella.
- Polbo á prancha da Reserva Mariña “Os Miñarzos” e espárragos verdes da Cooperativa “Rainha Lupa” con puré de pataca e crema de ourizo.
Sobremesa: Orellas de manteiga.
Viño albariño Monte Louro
Pan, cafés e chupiños caseiros, moito falar, esperamos que algún cantar e outros.
   Combinamos un produto do mar (o ourizo que é tradicional tomalo en Carnota pola Semana Santa e xestionada a súa extracción no ámbito da reserva mariña de Os Miñarzos) e outro de terra (os espárragos, produto novo cultivado pola cooperativa ecolóxica Rainha Lupa) que vai preparar Pila, cociñeira que ven da tradición das cociñeiras de Carnota.
   Sendo unha actividade para gozar da compaña e da comida, ten obxectivos que transcenden a estes aspectos máis lúdicos buscando o dar a coñecer e valorizar os produtos para a alimentación producidos en Carnota, promover a produción sustentable destes produtos, dar a coñecer e valorizar os recursos patrimoniais (económicos, culturais e ambientais) do concello, contribuír a dinamización socio económica do territorio e promover un evento lúdico gastronómico sustentable que sexa capaz de repetirse no tempo e no espazo.
  Con esta finalidade, a organización do evento responde aos principios de sustentabilidade, glocalidade e cooperación transversal, marcándose como fitos a acadar os seguintes:
Manterse sen apoio económico institucional.
Promover a sustentabilidade da produción baixo os principios Slow Food: Bo, Limpo, Xusto.
Pagar a prezos de mercado todos os servizos e produtos (non hai achegas dos produtores ou dos preparadores).
Ter unha visión global dos produtos e do evento con realización local.
Integrar persoas e entidades do concello e de fora do concello, tanto na organización coma na asistencia
Ter un enfoque aberto, integrando o innovador e o tradicional
Crear de sinerxías e colaboración con outros produtos/res.
Colaborar con outros sectores: hostalería, turismo, artesanía, ....
   Proximamente, desde Slow Food Galicia desenvolveremos outras actividades por distintos concellos da Costa da Morte. A pasada semana participamos en Meiro (Bueu) na festa do millo corvo cunha mesa redonda.

No hay comentarios: