30 jul 2011

O Ministro de Xustiza entregará o vindeiro sábado en Muxía os Premios María Amelia

     O día 6 de agosto ás 12 horas, no Salón de Actos do Voluntariado será entregado o Premio Maria Amelia 2011 , nun acto presidido polo Ministro de Xustiza , D. Francisco Caamaño e o Alcalde de Muxía, D. Félix Porto. Este ano o Premio recoñece o labor de todo un colectivo de persoas que ao longo do tempo mantiveron e manteñen vivos os secadoiros de congro de Muxía .Así, serán premiados premiados, en representación de tódalas persoas que tiveron secadoiros ou que traballaron neles, aquelas persoas que na actualidade seguen sendo propietarias ou traballadores dos secadoiros do congro, como son:
Rosa Rey Vilela, Juan José Diz Martinez, Juana Castro Sambad, Miguel Angel Diz Castiñeira, Josefa Manuela Marcote Santos e José María Lema Martínez.
     O Premio María Amelia ten por obxecto premiar a “aquela persoa ou grupo que co seu traballo, obra, vida, etc...promocione ou enriqueza material ou inmaterialmente a vila e Concello de Muxía, en calquera dos ámbitos posibles: a cultura, a historia, o patrimonio, a etnografía, a arte, literatura, patrimonio inmaterial, defensa e promoción da cultura do mar, defensa e promoción da cultura da terra, etc…”No caso dos secadoiros de congro é evidente que estos constitúen un elemento importantísimo do patrimonio muxián, sendo ademáis un elemento distintivo da nosa cultura mariñeira e sendo en Muxía o único lugar onde se conserva esta técnica artesanal. Por elo as persoas que mantiveron esta tradición ao longo dos anos son merecedoras dun recoñecemento que o premio personificará nas persoas que na actualidade son propietarias dos secadoiros que aínda funcionan e as persoas que traballan nos mesmos.
     O premio quere ser unha homenaxe aos secadoiros e á figura emblemática das cabrias como elemento arquitectónico e etnográfico único no noso municipio, á conservación do sentido dun vocabulario propio dun oficio co conseguinte enriquecemento da nosa lingua, ao traballo artesanal feito con coidado e dedicación, pero sobre todo é unha homenaxe aos centos de persoas que traballaron nelas ao longo dos séculos, ás moitas mulleres que fixeron un traballo duro e importantísimo para a economia das familias, unha homenaxe ao respecto mostrado por estas persoas pola tradición e a cultura do mar e sobre todo, unha homenaxe ás persoas que na actualidade , nuns tempos de cultura globalizada e con escaso respecto polos valores e elementos distintivos de cada cultura, seguen a traballar e manter unha tradición tan nosa , a pesares dos tempos difíciles.


No hay comentarios: